Dende Madrid… para Celanova

Sempre dicía na miña casa que se houbese unha apocalipse marcharía a Galicia de cabeza. «Alí hai de todo», dicía eu. Pero a realidade sempre supera á ficción. Este ano barallei varias escapadas a Celanova pero o tema do Coronavirus latexaba na miña mente. Son unha persoa catastrofista e tiña claro que non sería eu quen levara o bicho á miña Comarca ou provincia, sabendo ademais que Galicia é un territorio moi envellecido. Así que dende decembro non piso á miña terra nin vexo a miña xente.

En Madrid, os días previos ao Estado de Alarma (anunciado un venres 13, moi cinematográfico todo) foron intensos, sobre todo polo medo presente no ambiente. Non paro e pararei de repetir, como ben di a xente experta que «o pánico é máis contaxioso cós virus«. Pero eu son animal humano e o meu maior medo era que chegase á miña terra. É cando me volvo máis subxectiva, logo perdo un pouco do raciocinio que, no meu caso, peco de ter en exceso. Eu, que sendo xornalista evito moito informarme a través dos medios de comunicación de masas, miraba tódolos días as novas de Galicia, cruzando os dedos para que o bicho chegara o máis tarde posíbel.

Xustamente, ese venres 13, levanteime coa nova sobre un probábel brote en Cartelle. Non puiden evitar as bágoas, estaba cansada dunha semana, como dixen, intensa. Ás poucas horas púxenme no pior, por iso de ser racional: asumía xa que podía falecer xente do meu entorno, moi próxima e a que quero moito. Xa matara a miña familia, amizades e a min mesma se facía falla. Como é o cerebro cando se sufre! Funme calmando porque me transmitían mensaxes de tranquilidade, a nova desaparecera do xornal dixital, etc. En principio, parece que isto estaba controlado ou o tema do brote era unha falsa alarma. As persoas afectadas, ademais, evolucionaban ben.

A seguinte nova que me preocupou moito foi a dun veciño da vila e, concretamente, da miña familia. Un veciño meu de toda a vida. De primeiras o medo apoderouse de min, pero logo xa vin que na nosa vila foi pior. Chegouse a compartir o nome publicamente nas redes sociais dunha persoa atentando contra o seu dereito fundamental ao honor, intimidade e propia imaxe. Vexo que se retractou dita información, o que é de agradecer. Máis vale tarde que nunca e seguramente foi por axudar, pero por favor, xa que nunha vila como Celanova ao final todo se sabe, polo menos deixemos a información no eido privado, porque ten que ser moi duro ser estar enfermo/a ou ser un familiar dun  ou dunha paciente afectado/a e atopar o teu/seu nome nas redes sociais en momentos tan difíciles.

Desgraciadamente, as últimas novas sobre a Residencia San Carlos son desoladoras, cun total de 26 positivos, dos cales se encontra a primeira falecida da nosa provincia. Achéganse días e semanas moi duras na nosa vila. Eu, confinada en Madrid, non podo facer máis que mandar pulos, forza e ánimo para tódalas veciñas e veciños da vila, sobre todo, a aquelas persoas que xa están de loito, sufrindo a nova enfermidade (ou calquera outra), á toda a xente que están a traballar para axudar, á xente que coida a outra xente, á xente que tenta animar ao resto.

Quédome con esa sensación, ou mesmo sentimento, tan enxebre da cultura galega que parece sempre que imos da mau da sombra, como dicía Rosalía de Castro, que sempre nos asombra. Por iso desexo que poidamos, unha vez máis, transcender á nosa negra compañeira.

 

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s