
Bieito Romero é nado en A Coruña en 1964. É líder do grupo folk Luar na Lubre.
Comeza a tocar a gaita aos 13 anos e forma parte de varios grupos, ata que en 1986 funda Luar na Lubre. Tamén toca o acordeón e a zanfoña.
O último traballo é un recopilatorio que rememora estes 30 anos de música celta. Destaca a canción O Son do Ár que se converteu nun himno sendo versionada por todo o mundo, sinalar a que realizou Mike Oldfield no seu disco Voyager.
Ao longo da súa carreira a banda acada numerosos premios, entre eles, dous Discos de Ouro por Plenilunio e Cabo do Mundo.
No ámbito audiovisual destacan os documentais Un mundo de música e Torre de Breoghán, dirixidos por Ignacio Vilar e Jorge Coira, respectivamente. Ambos traballos sobre o propio grupo e Doentes, longametraxe dirixida por Gustavo Balza, no que Romero compuxo a banda sonora.
Gran melómano das distintas culturas musicais, dirixe e presenta o programa Un mundo de músicas en Radio Voz.
O próximo traballo de Luar na Lubre gravarase ás beiras do Canón do Sil, en homenaxe á terra dos seus devanceiros.
Dende hoxe forma parte do proxecto Entrevistas con Agallas:
Galicia é unha sociedade cunha certa estrutura matriarcal, pero cun machismo moi acentuado.
Consideraste feminista?
– Procuro selo, e tento entender ó máximo posible o significado do feminismo e integrar ese pensamento no tipo de sociedade que construímos, polo menos no círculo no que eu podo influir. Procuro poñerme en situación e levar a miña vida hacia ese lado, entre outras cousas porque é unha cuestión de sensibilidade e de sentido común.
Galicia é unha sociedade cunha certa estrutura matriarcal, pero cun machismo moi acentuado.
En que aspectos cres, a nivel persoal, que che afecta patriarcado de forma positiva? En que é una vantaxe?
– Como xa dixen, eu creo que Galicia é unha sociedade que ten unha estrutura matriarcal pero marcadamente machista. Eu vivín nun contexto no que a muller foi moi influente no cotiá, co cal eu me sinto moi feminizado nese sentido. Fóra deso, non quita que eu teña connotacións machistas que marquen determinadas actitudes que sen dúbida debo correxir.
Creo que Galicia non é unha sociedade machista no sentido ancestral, porque nos ven dado un feminismo marcado pola súa estructura matriarcal. O propio nome de Galicia é femenino. Independentemente no paso da nosa historia probablemente o machismo collera valores que non debería ter. Nos tempos que corren está claro que o home ten unha posición social totalmente distinta á da muller. Pero penso que son aspectos que se poden correxir, cunha boa educación e con tempo. Fundamentalmente penso que é unha cuestión de tempo. O preocupante é que certas conductas agresivas sigan manifestándose en xente nova. Eso é que algo está fallando.
Tamén é moi importante que a través da información coa que dispoñemos hoxe se visibilicen máis os casos de agresións e a sociedade vaia entendendo determinadas conductas.
Estamos no século XXI e segues escoitando cousas que están absolutamente fóra de lugar.
De que xeito pensas que che afecta negativamente? En que che perxudicou ó longo da túa vida?
– Nun xeito de pensar moi implantado, nos comentarios que tes que escoitar continuamente. Eu rexeito moito a forma de pensar de moita xente do entorno cercano. Non concordo con ese tipo de cousas, a min particularmente provócanme rexeitamento e creo que son conductas que deben ser contestadas. Estamos no século XXI e segues escoitando cousas que están absolutamente fóra de lugar.
É unha cuestión de educación. Creo que son reminiscencias que veñen do pasado, aínda con forza, e que van tardar tempo en modificarse. Son feridas e maneiras seculares. Por desgraza non é nada novo.
Varias asociacións de homes feministas aseguran que unha das cousas máis graves na que vos afecta o patriarcado é de sufrir “analfabetismo emocional”, é dicir, en non saber expresar sentimentos e, aínda máis concreto, non saber identificalos. Que pasa cos sentimentos? Cres que a sociedade educa aos homes para reprimilos?
– É unha cuestión cultural, de crianza. Decíase, e aínda se di en algúns ámbitos, que o home non pode chorar e se choras eres como unha nena para facernos entender como se foses menos e non debería ser así. O insulto de “nenaza” segue estando aí, por poñer un exemplo, como moitos outros. Esas son cousas das que hai que fuxir e tentar correxir nos entornos nos que un poida interactuar. Marcas dun pasado a correxir e que en determinados ámbitos aínda hoxe non están mal vistas. Ademais, o mundo que nos vén funciona neses parámetros. É dicir, aquí avanzamos moito, é certo, pero estamos vivindo nunha sociedade que é regresiva completamente. En América acaba de gañar un home que fala cunha claridade moi nítida con respecto o tema das mulleres. Ise, por desgraza, é un mundo que ven a impregnar o resto dos mundos.
Feminismo é tamén perder o medo e enfrentarse a todas a trabas que aínda marcan sociedades como a nosa, e as mulleres deben ser un motor de cambio no mundo para melloralo considerablemente.
Eu coñezo xente á que lle podo parecer machista e hai xente á que non.
Es feminista de sempre? En caso negativo, cando fuches consciente da necesidade de ter un punto de vista máis igualitario? Que feito detonou este novo modo de entendela vida?
– Eu non sei se son feminista aínda, é unha cuestión de maneiras de valorar. Para determinadas persoas serei máis feminista que para outras. Creo que tento ser o máis coherente posible. Vivo nun contexto familiar de mulleres e moitas son feministas que viven e predican con esas ideas. Eu intento entender o máximo posible ese contexto. Enténdoas perfectamente, explícanse dunha maneira clara e suficiente. Non hai que facer grandes esforzos para entender que a situación na que estamos ten que virar. Estamos nun proceso de cambio pero precisa o seu tempo. O que non podes e meterte nunha burbulla, hai que entender que hai un mundo aí fora que está latexando e que pide de moitos xeitos que se modifiquen as cousas tal como están establecidas. Eso é o que hai que entender e apoiar, mais precisa tempo e procesos. Procesos duros moitas veces, moi duros. Non é unha cuestión de días, nin meses, nin anos. Que se vai a dar nun futuro? O camiño é ese, como o da escravitude, ou de calquer loita social. A min non me gusta este mundo tal como está construido e estructurado, como a moita xente, e debemos loitar para cambialo. Unha loita conxunta de homes e mulleres a prol da igualdade.
Existe no teu entorno algunha persoa que che axudara a entender mellor a concepción feminista ou foi unha “revelación” meramente persoal e individual?
– É un conxunto de todo. Son unha persoa de esquerdas e na esquerda sempre houbo moita sensiblidade con esta cuestión. Non quere decir que todo mundo da esquerda sexa feminista, porque non é así, nin moitísimo menos, pero en calquera caso moveste en contextos onde hai máis facilidade para chegar a determinadas informacións. Despois, xa depende de cadaquén. Como che dicía antes, eu coñezo xente á que lle podo parecer machista e hai xente á que non. Ao ser unha persona pública estás moi exposto e hai que ter moito coidado con todo o que se di. O que si teño no meu entorno é xente moi sensible con todo esto, que milita e que me indica camiños que eu descoñecía e que vou aprendendo moi pouquiño a pouco. Síntome moi aberto porque me considérome sensible con toda esta andaina. Eso non quita, e volvo a repetir, que seguramente poda ter comportamentos machistas en determinadas situacións. Hai situacións nas que aínda teño que aprender onde están os límites. Aprendizaxe constante e sentidos abertos.
Con que premisas do patriarcado es unha persoa máis crítica? Cales son as que máis rexeitas?
– Rexeito o patriarcado en si mesmo. Fundamentalmente o predominio do poder acumulado polos homes. A violencia de todo tipo provocada, moitas veces, polo tipo de sociedade na que está sustentada por ese poder. O poder patriarcal é negativo, pero todo é moi matizable. Non todo o patriarcado é malo, como todo o dun matriarcado é bom.
Que costumes cambiaches ou tentas trocar para facer do mundo un lugar máis igualitario? É unha tarefa doada ou faise complexa?
– A cuestión relacional, a familia. A min tocoume o tempo de ter que cambiar estas historias. Nin aos meus pais nin aos meus irmáns, que son moito máis maiores e que viviron noutro tempo non lles tocou, eles non entendían nin entenden, ou mellor dito, si entenden pero non comparten que eu lles poida falar noutra clave, porque eles pensan dunha maneira distante.
Tiven que cambiar moitas historias que me veñen de relacións e familiares. E, sobre todo, pola miña nai. A miña nai, independentemente de que se criou no franquismo era unha muller moi intelixente e xusta. Ela inculcoume moitos valores, que para min teñen moita importancia e que intento continuar. Fóra de eso, vivimos nun mundo que hai que estar coas mentes abertas, estar aberto as circustancias e saber entender. Aí está a clave de que se poidan dar pasos adiante, se non non hai maneira.
Non todo o mundo ten habilidade e tino para acercarse correctamente a certos temas pero hai que guiar a esas persoas.
Hai aspectos ou actitudes do feminismo que non acades a comprender ou que che provoquen certa aversión ou incomprensión?
– Hai actitudes que non comprendo porque non entendo certas radicalidades con xente que é afín. Eu entendo que teña que haber radicalidades para facerse visualizar e por en valor pero o que poda ser cercano non o rexeites, dalle calidez, aínda que non pense exactamente igual ca ti. E eso no feminismo eu nótoo. Hai determinados rexeites incluso en ámbitos de xente que podería ser cercana e que sería moi fácil de transformar hacia o teu.
Esto pasa nesta cuestión e noutros ámbitos como é a política, que a xente está á defensiva. É moi lóxico, pero en determinada xente crea rexeite. Non todo o mundo ten habilidade e tino para acercarse correctamente a certos temas pero hai que guiar a esas persoas. Esta habilidade non está en mans de todo o mundo.
Consideras que a túa obra e/ou profesión é feminista, é dicir: que non apoia o discurso do patriarcado e, en consecuencia, non discrimina á muller?
– Eu non podo valorar a miña obra dende a miña perspectiva. Cada persoa ten a súa perspectiva. Eu non podo dicir mañá: e que a miña obra é así. A miña obra é a miña obra. É unha obra que eu entendo como de amor á terra, á cultura do noso país con todos os seus valores, non negativa e moítisimo menos para as mulleres. No grupo sempre houbo mulleres con papeles moi destacados. O tema é delicado e complexo. O noso letrista «destacado» é Xabier Corbal, que é un home tremendamente feminista e nas letras del as mulleres teñen un papel importante. Son moitas cousas e a valoración do que facemos debe facela a xente.
Non sabería dicir que proporción hai na miña obra de machismo. Eu non creo que o haxa, intentamos ter moito respeto.
Que mulleres admiras ó longo da túa vida, tanto no plano plano familiar, persoal e profesional?
– Ás mulleres do meu entorno admíroas (muller, fillas, nai…) O traballo que fixeron e fan é admirable A miña nai influiu moito na miña vida e como xa dixen antes era moi intelixente. Podería falarche de moitas mulleres e outra xente fantástica, que coa súa música, coa súa literatura, coa súa arte, co seu traballo e loita, en definitiva, me marcan a cotío. Para min, o máis cercano e o máis real que vivín en directo e en vivo foi coa miña nai e coa miña familia directa (muller e fill@s). Elas fanme distinto (creo).
Para rematar, e como este blog está relacionado co cinema, podes aconsellar algunha cineasta u obra audiovisual realizada por unha muller que che gustara realmente e che aportara algo a nivel persoal?
– Son fatal para eso, aquí mátasme. Non son moi entendido de cine. Non recordo agora mesmo nin a última película que me gustou.
Graciñas polo teu tempo.
Gran coñecedor e apaixonado da cultura e historia galegas, pero sempre hai unha excepción: o viño de La Rioja.
Sente predilección pola música de Jethro Tull. Tampouco lle fai ascos a Oswaldo Montenegro.
Desfruta do arte da fotografía e se ten xeometría goza o dobre.
Está aprendendo a falar barallete.
Xestiona varios grupos de Facebook sobre temas que lle interesan, como é a música tradicional galega ou as distintas tipoloxías dos canastros galegos.
Chámanlle Bieito.
Un comentario en “Entrevistas con Agallas | Bieito Romero”